Glosario
Narrativa
-
Definición:
-
A narrativa é o conxunto de feitos que se contan nunha historia e a forma en que se organizan para que teñan sentido: que ocorre primeiro, que ocorre despois, se hai saltos no tempo, se se repite unha escena desde outro punto de vista etc.
-
Exemplo:
-
Nun cómic que conta unha viaxe, a historia pode comezar polo final e logo ir cara atrás para explicar como se chegou a ese momento. Esa é unha narrativa non lineal.
Estilo gráfico
-
Definición:
-
O estilo gráfico é o aspecto visual que se lle dá ao cómic: tipo de liñas, nivel de detalle, uso da cor, forma de debuxar os personaxes... Pode ser realista, caricaturesco, esquemático, expresivo etc.
-
Exemplo:
-
Se un cómic usa só liñas grosas e poucas cores, ten un estilo gráfico simple e directo. Se está moi detallado e con sombras, ten un estilo máis realista.
Entintado
-
Definición:
-
O entintado é o proceso de repasar con tinta ou rotulador as liñas principais dun debuxo feito a lapis. Serve para marcar os contornos, dar volume, profundidade e preparar a imaxe para ser rotulada ou coloreada.
-
Exemplo:
-
Despois de facer a lapis os personaxes do cómic, repásanse co rotulador negro para que queden ben definidos. Iso é o entintado.
Rotulación
-
Definición:
-
A rotulación é a escritura dos textos no cómic: o que se pon nos bocadillos, nos cadros narrativos ou nos efectos sonoros (“BOOM!”, “ZAS!”...). Pode facerse á man ou con letra dixital.
-
Exemplo:
-
Unha frase dita por un personaxe (“Onde estás?”) escríbese dentro dun bocadillo redondo. Esa é unha parte da rotulación.
Pasos a seguir
A continuación, tedes os pasos a seguir para superar o reto desta fase 4:
- Formade os vosos grupos de traballo de catro persoas.
- Neste apartado atoparedes as orientacións básicas para crear o voso cómic.
- Lede con atención cada paso e anotade o que vos pareza importante.
- Elaborade o guión a partir do conto ou lenda que escollestes.
- Facede bosquexos previos e decidide con que estilo gráfico e técnica ides traballar.
- Pensade nun título atractivo e valorade se ides incluír unha portada.
- Preparade o formato segundo as indicacións e escollede os materiais necesarios.
- Organizádevos ben, repartide tarefas... e a traballar en equipo!
Audio
O guión: planificando o voso cómic
O guión é un documento fundamental que vos axudará a transformar o conto tradicional no que ides traballar nunha narración visual clara e ben organizada. Será a base sobre a que construiredes o cómic, polo que é importante que lle dediquedes tempo e coidado.
Neste documento, planificaredes o contido do cómic, dividindo a historia en viñetas e describindo o que ocorre en cada unha. Incluiredes tamén os diálogos, as accións e calquera detalle que consideredes importante para representar ben a historia.
Estes son os pasos que debedes seguir para elaborar o guión da vosa historia:
Resumo da historia
Lede o conto con atención e asegurádevos de comprender ben a historia.
Subliñade os elementos clave: a presentación dos personaxes, o conflito ou problema principal, os acontecementos que fan avanzar a trama e o desenlace. Isto axudaravos a identificar que partes da historia deben aparecer no cómic.
Secuencia de escenas

Pensade como podedes repartir os distintos momentos da historia en viñetas. Non todas as frases ou ideas do conto teñen que aparecer, seleccionade as máis significativas.
Tede en conta o ritmo: hai partes que poden ir nunha soa viñeta e outras que precisan varias.
Numerade as viñetas e procurade que haxa un equilibrio visual e narrativo ao longo do cómic.
Descrición das viñetas

Para cada viñeta, indicade con claridade:
- Onde sucede a acción (lugar, momento do día…).
- Que personaxes aparecen e que fan.
- Que se di (diálogos ou texto do narrador).
- Procurade indicar o tipo de plano ou encadre.
Por exemplo:
Viñeta 1: unha cabana no bosque, anoitecendo. Sae fume da cheminea. Un home chegando. Plano xeral.
Narrador: “Nunha noite de inverno, un home chegaba á casa despois dun longo día de traballo. A súa filla esperaba fóra, asustada”.
Diálogo: Nena: “Pai, escoitaches eses ouveos?".
Revisión do guión

Unha vez completado, lédeo en voz alta e comprobades que a historia se entende, que ten ritmo e que non hai partes confusas ou mal organizadas.
Facédevos preguntas.
- Transmite o que queríamos contar?
- Hai viñetas innecesarias ou outras que precisan máis espazo?
Non teñades medo de modificar ou simplificar se o resultado mellora.
Lectura facilitada
O guión é un documento fundamental.
Axudaravos a transformar o conto tradicional no que ides traballar nunha narración visual.
Será a base sobre a que construiredes o cómic.
É importante que lle dediquedes tempo e coidado.
Neste documento, planificaredes o contido do cómic.
Dividiredes a historia en viñetas para descubrir o que ocorre en cada unha.
Incluiredes tamén:
- Os diálogos.
- As accións.
- Outros detalles que consideredes importantes para representar ben a historia.
Audio
O peche na narración secuencial
No cómic, a historia desenvólvese a través dunha sucesión de imaxes, chamadas viñetas, que funcionan como fragmentos dunha narración máis ampla. Esa sucesión denomínase imaxe secuenciada.
Entre unha viñeta e a seguinte hai un espazo en branco, o cal non mostra nada... pero a nosa mente complétao. A este proceso chamámoslle peche (ou pechado) e é unha das chaves fundamentais para entender o cómic. A persoa lectora interpreta o que ocorre nese espazo e reconstrúe a historia mentalmente, enchendo os ocos entre unha acción e outra.
Dependendo da relación entre dúas viñetas consecutivas, pódense distinguir diferentes tipos de peche. A continuación, explícanse os tres máis comúns:
Peche de cambio de movemento
Descrición:
Dáse cando un mesmo personaxe realiza diferentes accións nun curto período de tempo. É o tipo máis habitual en escenas de movemento ou diálogo.
Exemplo:
- Viñeta 1: Unha alumna está facendo tarefas na clase.
- Viñeta 2: A alumna ten unha dúbida e levanta a man.
Peche de cambio de foco

Descrición:
Ocorre cando se cambia de personaxe ou de obxecto dentro da mesma escena. A acción continúa, mais desvíase a atención cara a outro elemento relevante.
Exemplo:
- Viñeta 1: Unha nena observa un paxaro dende a xanela.
- Viñeta 2: Vemos o paxaro pousado nunha póla.
Peche de salto no espazo ou tempo

Descrición:
Prodúcese cando hai un cambio claro de lugar ou momento. O lector debe deducir que pasou entre ambas as viñetas, xa que o salto narrativo é maior.
Exemplo:
- Viñeta 1: Unha parella cea nun restaurante.
- Viñeta 2: Trala cea, a parella baila nunha festa.
Lectura facilitada
No cómic, a historia desenvólvese a través dunha sucesión de imaxes, chamadas viñetas.
Funcionan como fragmentos dunha narración máis ampla.
Esa sucesión denomínase imaxe secuenciada.
Entre unha viñeta e a seguinte hai un espazo en branco, o cal non mostra nada... pero a nosa mente complétao.
A este proceso chamámoslle peche (ou pechado) e é unha das chaves fundamentais para entender o cómic.
O lector interpreta o que ocorre nese espazo e reconstrúe a historia mentalmente, enchendo os ocos entre unha acción e outra.
Dependendo da relación entre dúas viñetas consecutivas, pódense distinguir diferentes tipos de peche.
A continuación, explícanse os tres máis comúns:
- Peche de cambio de movemento.
- Peche de cambio de foco.
- Peche de salto no espazo ou tempo.
Audio
Técnicas gráficas

No voso cómic, podedes empregar diferentes técnicas para representar a historia.
Cada unha achega un estilo e unha expresividade distinta.
Escollede a que mellor se adapte ao ton do conto ou lenda que estades a traballar, e tamén aos materiais dos que dispoñedes.
Lapis
É a técnica máis sinxela e accesible. Permite facer trazos suaves, sombrear e facer correccións facilmente.
Tinta
A tinta achega trazos máis definidos e expresivos. Segundo o grosor ou a presión pode transmitir forza, tensión ou delicadeza.
Poden ser rotuladores, pluma, bolígrafo...
Cor
A cor pode utilizarse para crear ambientes, marcar emocións ou destacar certos elementos da historia.
Opcións son a acuarela, os lapis, ceras, témpera...
Collage ou técnica mixta
Poden combinarse debuxos con recortes, texturas ou fotografías. Esta técnica pode dar un resultado orixinal e con moito impacto visual.
Lectura facilitada
No voso cómic, podedes empregar diferentes técnicas para representar a historia.
Cada unha achega un estilo e unha expresividade distinta.
Escollede a que mellor se adapte ao ton do conto ou lenda que estades a traballar, e tamén aos materiais dos que dispoñedes.
- Lapis: é a técnica máis sinxela e accesible.
Permite facer trazos suaves, sombrear e facer correccións facilmente. - Tinta: achega trazos máis definidos e expresivos.
Segundo o grosor ou a presión pode transmitir forza, tensión ou delicadeza.
Poden ser rotuladores, pluma, bolígrafo... - Cor: pode utilizarse para crear ambientes, marcar emocións ou destacar certos elementos da historia.
Opcións son a acuarela, os lapis, ceras, témpera... - Collage ou técnica mixta: poden combinarse debuxos con recortes, texturas ou fotografías.
Esta técnica pode dar un resultado orixinal e con moito impacto visual.
Audio
Temas

O voso cómic parte dun conto ou dunha lenda da tradición oral galega. A vosa misión é darlle unha nova vida a esa historia a través da linguaxe visual.
Por iso, é importante que comprendades ben a súa temática: de que trata realmente a historia e que mensaxe transmite?
Que podedes facer?
- Identificade o tema principal: é unha historia de medo? Un relato sobre o amor ou o namoramento? Unha lenda que explica un feito misterioso? Unha narración cómica ou con ensinanza?
- Pensade que sentimentos queredes espertar nas lectoras e lectores: tensión, tenrura, intriga, humor...
- Reflexionade sobre que estilo gráfico e que elementos visuais poden axudarvos a reforzar esa temática e esa emoción.
Xa tedes nas mans unha historia con forza. Agora tócavos a vós transformala nunha experiencia visual que emocione, sorprenda e conecte co público. É hora de darlle forma ao voso cómic!
Lectura facilitada
O voso cómic parte dun conto ou dunha lenda da tradición oral galega.
A vosa misión é darlle unha nova vida a esa historia a través da linguaxe visual.
É importante que comprendades ben a súa temática: de que trata realmente a historia e que mensaxe transmite?
Que podedes facer?
- Identificar o tema principal:
- É unha historia de medo?
- Un relato sobre o amor ou o namoramento?
- Unha lenda que explica un feito misterioso?
- Unha narración cómica ou con ensinanza?
- Pensar que sentimentos queredes espertar nas lectoras e lectores:
- Tensión.
- Tenrura.
- Intriga.
- Humor.
- Reflexión.
- Reflexionar sobre que estilo gráfico e que elementos visuais poden axudarvos a reforzar esa temática e esa emoción.
Xa tedes nas mans unha historia con forza.
Agora tócavos a vós transformala nunha experiencia visual que emocione, sorprenda e conecte co público.
É hora de darlle forma ao voso cómic!